AFAPO RECADA MÁIS DE 8.000 EUROS NA XI EDICIÓN DA SÚA CEA BENÉFICA
Seis artistas doaron cadros para colaborar coa loita contra a enfermidade de Alzheimer
O Liceo Casino da Caeira foi este venres escenario dunha cea benéfica organizada pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afapo). O evento comezou ás 21.30 horas e reuniu a 300 comensais, entre eles o presidente do Casino, Jaime Olmedo; a concelleira Montserrat Magallanes; o líder da oposición en Pontevedra, Jacobo Moreira; o presidente da Aempe, José María Corujo; a portavoz municipal do PSDEG-PSOE, Chelo Bicada, e a presidenta da AJE Lucía Pedroso, entre outros.
En total recadáronse uns 8.000 euros, entre o reunido coas entradas e o recadado na tómbola do evento. Ademais, o presidente da asociación informou que seis artistas doaron seis cadros, un deles Antón Sobral. O diñeiro reunido será destinado a un programa informático chamado Smart Brain, que será utilizado como apoio para as actividades do centro, xa que axuda no desenvolvemento da actividade cognitiva dos usuarios.
A gala levou a cabo grazas ao altruísmo dos tres profesionais que se ofreceron voluntarios para cociñar, de xeito gratuíto, os pratos que se serviron na cea. Trátase de Carla Álvarez, responsable do catering do Casino; Juan Pozuelo, cociñeiro, formador e presentador de programas de Telemadrid e Antena3, e a Casa Esteban de Mos. Tamén colaboraron 130 empresas entre eles Froiz, A Devesa ou Bodegas Valmiñor. A presentación do evento correu a cargo de Miguel García Ramírez, que, xunto á actuación do Trío Rever, animou o ambiente do acto, xa de seu festivo.
Fontenla conta que a asistencia superou á do ano anterior, xa que se sumaron nesta ocasión doce persoas máis, o que se traduce nun incremento de como mínimo 300 euros na recadación final. Superouse tamén a previsión que ofrecía o director da asociación hai unha semana nunha rolda de prensa, xa que calculaba que serían unhas 280 as persoas que acudirían ao evento.
O día 18 de setembro a Afapo ofrecerá outra cita benéfica para todos aqueles interesados en axudar á asociación. Farao a través das risas, xa que ás 21 horas, no centro social Afundación, levará a cabo un espectáculo cómico por parte do famoso monologuista David Guapo, actuación que ten como motivo celebrar o Día Mundial do Alzhéimer, cuxa data oficial é o 21 de setembro. Sobre ese evento, José Fontenla afirma que ten previsto que sexa un éxito, e na presentación de ambos os actos benéficos declarou que estaba seguro de que haberá que colgar o cartel de esgotado. As entradas están dispoñibles e custan 12 euros.
Os últimos datos ofrecidos polo director da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer xustifican o éxito que presentan as iniciativas benéficas. Máis de 15.000 persoas en Pontevedra sofren alzhéimer, e estímase que en toda Galicia 70.000 as persoas padecen esta enfermidade dexenerativa, que actualmente non ten cura. O centro de Afapo encárgase de atender diariamente a 30 persoas, ás que habería que sumar as cen persoas ás que ofrecen asistencia a través de talleres en Silleda e Lalín, zonas rurais que non dispoñen dese tipo de servizo.